Percorridos
O deseño como motor para a actividade empresarial
Non cabe dúbida de que o progreso do deseño prodúcese paralelo ao desenvolvemento da industria e a economía dun lugar. Na nosa vida estamos rodeados de deseño.
A maioría das cousas que vemos obedecen e son resultado dun proceso de deseño, pero hoxe, máis que nunca, o deseño funciona como motor para o desenvolvemento, a innovación e a competitividade das empresas. O deseño outorga o sentido, aséntase como elemento transformador e consegue un cambio de valor para a nosa cultura e a nosa industria. Ás empresas, o deseño permítelles innovar e competir, dar un salto cualitativo de consecuencias cuantitativas. Nas últimas décadas, as empresas galegas entenderon isto e valoran o deseño como un elemento chave das súas promocións e proxectos. Mentres, profesionais do deseño de diferentes perfís mostran a súa capacidade para incorporar novas fórmulas de investigación e innovación acordes coas necesidades do presente. En Galicia será sobre todo no sector alimentario onde o deseño revolucionará o sector. A puxanza do mundo do viño ou a aposta de chefs e restaurantes por xerar unha imaxe innovadora e fresca xerou un gran número de exemplos exitosos de packaging e produtos orixinais, actitude extrapolable a outros sectores. As alianzas estratéxicas entre deseñadores e empresas conducen á aplicación de solucións innovadoras coas que transmitir os sinais de identidade do produto, ofrecendo vantaxes en termos de distribución, usabilidade e visibilidade. Porque unha boa estratexia de deseño é clave para conseguir unha economía máis competitiva e diferenciada.