Percorridos
Galicia futura: Desenvolvemento sostible e impacto
Hai uns anos presentouse a exposición Galicia Futura co subtítulo “Todo o que imos ser”, aínda que se advertía de que a intención non era predicir senón proxectar algo que xa está a acontecer, un going to be en lugar de will be, porque o futuro xa se está vivindo á vez que construíndo.
O proxecto tomou como modelo a filosofía do Laboratorio de Formas de Galicia para destacar a transversalidade e a identidade como características imprescindibles para a investigación e innovación tecnolóxica e científica: transversalidade porque se trata de mirar de fóra cara a dentro e de dentro cara a fóra para xerar conexións por todas partes; identidade porque se asenta na premisa de que Galicia era sostible antes de que fose tendencia.
Todo iso xa estaba presente no Laboratorio de Formas de Galicia, coa relación entre deseño, arte e industria, coa comunicación e a investigación como procesos. Porque se trata de deseñar o cambio desde a responsabilidade co territorio e coa nosa propia historia, construíndo desde esa herdanza os signos futuros dun sistema de expresión propio, partindo da utopía de que o deseño, en tanto que elemento de diferenciación orientado á innovación, pode cambiar o mundo. Galicia. Procesos e formas conclúe así cunha serie de preguntas, porque incorporar pensamento sistémico supón un cambio cualitativo á hora de entender o rol do deseño, xa que ao pensar a longo prazo e de modo contextual, podemos deixar de falar de resultados e beneficios para comezar a falar de consecuencias.