A Galicia industrial

A auga e o mar foron a porta para a entrada do deseño e a innovación en Galicia. Os principais proxectos empresariais en moitos casos postos en funcionamento por personalidades representativas da intelectualidade galega que foron moito máis alá dos intereses económicos para divisar novos horizontes estratéxicos capaces de construír o futuro tamén no social e no cultural apoiaranse no deseño defendendo as potencialidades de Galicia para alcanzar estratexicamente unha proposta de valor. Exploraron así a tradición para renovala desde o coñecemento das súas particularidades, cun fin innovador, co valor simbólico da identidade e co deseño como innegociable valor engadido. O seu incuestionable esforzo por incentivar a investigación e incorporar os avances técnicos á produción, esforzándose en “facer país” con accións máis aló das ideas, converteuse en paradigmático exemplo de I+D+i.
A industria do mar, con Conservas Massó, Alfageme ou J. Barreiras e Hijos; a industria farmacéutica con Laboratorios Bescansa, Laboratorios Orzán ou Zeltia; os produtos derivados da cultura balnearia de Mondariz ou La Toja; as máquinas de coser Refrey; os automóbiles de Barreiros; a industria editorial encabezada por Editorial Galaxia; os paradigmáticos deseños cerámicos de Sargadelos e O Castro; as solucións tecnolóxicas de Televés; ou o despunte da moda coa achega histórica de Adolfo Domínguez e o programa para o desenvolvemento do sector téxtil “Galicia Moda” xa nos oitenta, serán exemplos paradigmáticos dunha aposta polas potencialidades do deseño como axente clave para o desenvolvemento empresarial e industrial.