Percorrido – Formas galegas inéditas
Formas galegas inéditas
O deseño é transmisor dun universo de signos e formas que outorgan un carácter diferencial. Os obxectos e instrumentos tradicionais dos oficios serven para entender a sociedade de cada momento e a súa economía, a tecnoloxía agraria coa que contaban, as súas innovacións e como era a súa relación coa contorna. En Galicia moitos obxectos sobreviviron ata o presente e, como os oficios, cóntannos cousas. Porque as formas expresan, son unha linguaxe primaria, e no deseño máis artesanal advírtese un instinto estético e unha sensibilidade herdada de xeración en xeración. Entre esas tradicións destacan algunhas que non variaron no tempo, como o encaixe de palillos, que tradicionalmente foi desenvolvido por mulleres. Outras disciplinas conseguiron transformarse ao extrapolar os seus procesos a distintos materiais capaces de abrir novos escenarios; é o caso dunha técnica ancestral como a cestería, ou a xoiería tradicional galega, que desde o século XV proxéctase co sapo como xoia por excelencia. O mesmo sucede con signos culturais imprescindibles como os zocos, a pandeireta ou a gaita, ou en traballos como o das redeiras que, partindo do seu saber tradicional, desenvolven hoxe unha metodoloxía de traballo intersectorial con moitas outras disciplinas. Pero se un oficio cobrou relevancia é a cerámica, que se empoderou como medio de expresión plástica en Galicia, co paradigma pioneiro de O Castro e Sargadelos como estandartes industriais e co Laboratorio de Formas de Galicia como instrumento teórico para a construción dun sistema de expresión propio.