Percorrido – Formas con historia
Formas con historia
No século XXI, coa debida perspectiva histórica, vemos como o sistema de produción artesanal baseado na manufactura tiña sido subestimado pola euforia tecnolóxica. Hoxe en día son moitos os deseñadores que procuran o artesanal para abrazar formas e materiais máis singulares. O campo entre arte, artesanía e deseño profundou en valores esquecidos pero que xa estaban nas experiencias da Bauhaus, para xerar interesantes cruces que permiten valorar o traballo manual desde unha perspectiva actualizada. Nos últimos anos, creadores de distintos perfís mostran a súa capacidade para incorporar novas fórmulas de investigación e innovación acordes ás necesidades do presente sen deixar de respectar e reinterpretar a tradición. Porque os materiais contan cada vez máis historias e vólvense máis humanos sen deixar de ser minimalistas, conxugando o industrial co artesanal, pero incorporando máis materialidade e contexto á súa simplicidade de liñas. Se con anterioridade os profesionais da arquitectura expoñían equipamentos interiores en liña coas súas construcións, procurando a integración espacial, hoxe profesionais do deseño incorporan novas tecnoloxías aplicadas que conviven coa recuperación dos procesos manuais e artesanais, buscando a intensidade emocional e a activación dos sentidos, así como a identidade do contexto onde se prototipa e produce, para ter en conta valores propios da economía circular. Cores, texturas e materiais conxúganse desde o táctil e atrévense a representar ata fenómenos atmosféricos, tamén formas ancestrais ou películas, produto dunha observación profunda da realidade para imaxinar distintas formas con historia.