Percorrido – A construción dun carácter diferencial
A construción dun carácter diferencial
A Galicia real aséntase sobre a súa propia construción mítica; é un territorio, pero tamén un relato que emerxe entre os confíns da memoria, a saudade e a paisaxe.
A preocupación polo idiosincrático de Galicia remóntase ao século XVIII, cando algúns ilustrados incitan a coñecer a súa xeografía e a súa lingua, preocupándose pola súa economía e o seu sistema produtivo. A tradición continúa con intelectuais como Rosalía de Castro ou Manuel Murguía, que pon a semente do celtismo como mito fundador e a transcendencia da cultura popular como soporte duns valores xenuinamente galegos. Vicente Risco sumará unha conciencia atlantista e a posición finistérrica refórzase coa idea de Otero Pedrayo de que en Galicia o Atlántico goberna os procesos e as formas. Todo iso será interpretado por Castelao, o antivangardista que máis influíu nos protagonistas da Galicia moderna máis vangardista, como Cándido Fernández Mazas, Manuel Méndez ou Carlos Maside e máis tarde por Isaac Díaz Pardo ou Luis Seoane, que sinalou que non hai mellor modo de protexer unha industria e unha cultura que recoller na historia propia as formas que a caracterizan ao longo do tempo. Porque na Galicia moderna non todos eran igual de modernos, aínda que compartían un mesmo obxectivo. As artes gráficas empodéranse como principal canle de transmisión a través de publicacións e carteis para proxectar unha Galicia diferencial a través do deseño, unha Galicia azul e verde que se tornará gris durante a ditadura e florecerá coa apertura democrática.