Percorrido – Azul, novo verde
Azul, novo verde
Se algo se impón en Galicia é o Atlántico, que goberna os procesos e as formas. Galicia é finistérrica, unha terra que o mar encargouse de moldear. Do mar chegaron moitos deseños, entre eles o máis vangardista da Galicia moderna, realizado por Manuel Méndez para a portada de Proel en 1927, que é o mariñeiro que vai na proa, liderando unha embarcación e custodiando a súa esperanza. Ante o problema climático non hai mellor metáfora de futuro que un regreso ao pasado para aproveitar os seus recursos físicos e intelectuais e proxectar modelos de economía circular ou sostible que favorezan a conservación dos ecosistemas. A auga, a choiva e o mar definiron a vida de Galicia. Simbolízao ben o proxecto In itinere de Verónica Moar: o desprazamento polos camiños que comunican as aldeas, os oficios, a acción de reparar, as formas tradicionais, o traballo das mulleres… Esta obra resume as cuestións que atravesan Galicia. Procesos e formas, que reivindica a importancia de valorar os oficios, os materiais e a artesanía, a historia e a identidade como motores do deseño para a innovación. De aí a importancia do deseño estratéxico como metodoloxía para pensar o futuro. Porque Galicia é rica en recursos, aínda que son limitados, o que axuda a xerar pensamento a longo prazo e orientalo cara a ecosistemas sostibles. Pero tamén existen recursos ilimitados como o coñecemento e a creatividade que nos lembran a importancia de entender o deseño como clave empresarial capaz de renovar a economía seguindo o ronsel da historia.