Percorrido – A apertura democrática
A apertura democrática
Coa democracia desátase o deseño como principal instrumento para a renovación social, económica e cultural. Administracións públicas, entidades financeiras, empresas, xornais e revistas moldean a súa imaxe pública. Tamén se producen iniciativas de vocación experimental.
Entre elas, algunhas de interese máis xeneralista, como as revistas, que abrían camiños alternativos para a información, ou as portadas de discos. Xorden entón unha serie de profesionais xa formados academicamente que capitanearán o labor comezado polos pioneiros da Galicia moderna, para proxectar unha nova imaxe acorde co momento de euforia institucional. Todo iso desenvólvese baixo un dominio do patriarcal e salvo casos illados non será ata os anos noventa cando aparecen profesionais mulleres que hai que ver como pioneiras, ante a ausencia de referentes na historia do deseño en Galicia, e comézase a visibilizar así o seu traballo dunha maneira contextualizada. No século XXI camíñase cara á inclusión, a información é global e iso reflíctese no estilo dos profesionais do deseño gráfico en Galicia, máis impersoal, máis internacional e menos arraigado, aínda que nos últimos anos advírtese máis compromiso coa propia historia de Galicia. Tamén no presente xorden expoñentes dunha forma de mirar irreverente, próxima aos pioneiros do cómic, coa imaxe como arma. Esa pretendida incorrección convive con fórmulas máis ortodoxas pero efectivas en termos plásticos, que se dan, sobre todo, no campo editorial.