Galicia. Procesos e formas. Un percorrido gráfico

Galicia Procesos e Formas. Un percorrido gráfico

Fundación DIDAC. Santiago de Compostela

20240910

Galicia. Procesos e formas. Un percorrido gráfico é un proxecto expositivo que continúa a pesquisa sobre o pasado, presente e futuro do deseño en Galicia presentada en 2023 na Porto Design Biennale no marco do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade - Diferenza. Este programa, froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fundación DIDAC é unha aposta polo deseño como ferramenta de transformación económica, cultural e social en Galicia. Esta mostra recolle os fitos máis destacados do deseño en Galicia a partir dunha serie de traballos de profesionais e empresas clave na súa aposta polo deseño como motor, desde os anos vinte do século pasado ata hoxe. Galicia. Procesos e formas quere responder as preguntas «De onde vimos?» «Quen somos?» e «Onde imos?», esas grandes dúbidas da filosofía, que en clave galega lémbranse por ser o título e retrouso dunha das cancións máis coñecidas do grupo Siniestro Total. Galicia reivindicábase como «sitio distinto» dunha maneira máis desenfadada que cando o celtismo e o atlantismo sustentaban a identidade diferencial galega nos anos vinte ou setenta, para deixar paso nos oitenta a manifestacións plásticas contraculturais que camiñaron paralelamente á normalización e profesionalización do deseño e á proliferación de identidades e produtos de carácter público ou privado. A exposición estrutúrase como unha paisaxe capaz de proxectar a variedade do deseño en Galicia. Así podemos atopar publicacións que significaron a renovación gráfica da industria editorial e que funcionaron como inspiración para sectores industriais e económicos, mostras de deseño gráfico para a industria galega que soubo apoiarse no deseño para competir e diferenciarse achegando valor engadido, ou referencias ao papel dos oficios e as costumes da cultura popular, iso que Luis Seoane describiu como «formas inéditas». ----

Esta exposición está coproducida pola Xunta de Galicia e a Fundación DIDAC dentro do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade - DIFERENZA. A exposición enmárcase dentro do proxecto Arquivo DIDAC Galicia que conta coa colaboración do Ministerio de Cultura do Goberno de España